21 ene 2009

Malos tratos

Antón é un home abandonado pola deusa fortuna en momentos puntuais, se cadra, cando máis precisaba dela.

Casado de primeiras cunha muller absorbente de moito xenio, que facía del un pandeiro. Mentres a ela lle durou a paixón polo baile, o seu home era o seu ídolo, agora ben; non tiñan fillos, empezou a engordar e con aquelas trazas, non lle facía graza ningunha o baile, ademais el, polo seu traballo tiña que viaxar e ela botaba a semana aburrida na casa.
Aos poucos anos decidiron separarse, ben, decidiuno ela e a el non lle quedou outro remedio. Tivo que deixarlle a vivenda e pasarlle unha paga de catrocentos euros, e marchar para unha pensión.

Ao principio Antón colleu unha depresión e tivo que quedar de baixa a tratamento médico, logo cambiou de destino no choio. A súa empresa deulle o traballo de gardar e manter un centro que tiña vivenda, alí recuperouse e vivía de solteiro. Un bo día pensou en comprobar se o que dicían das cubanas era certo.

Marchou a Cuba de vacacións, alí era coma un cubano máis, de pel moura e co ben que se movía cos ritmos da illa ninguén diría que era doutro sitio. Coñeceu varias mulleres que querían comprometelo, pero coma tiña a lección aínda fresca, non se deixou. Volveu moi contento,aprendeulles aos amigos canto baile coñecera e amosoulles as fotos que de aló fixera, pasou a ser o amo nas discotecas, as rapazas querían danzar con el e facían corro para velo. Conforme pasaba o tempo estaba máis ledo por aquela visita e polos resultados que obtiña, así que, propúxose aforrar para visitar de novo aquel país e coñecelo mellor. Foi a Varadero e gustoulle, tanto, que volveu máis anos, tratou cunha mulata que lle deu o que el quería e deixouno toliño, presentoulle a familia e eles pedíronlle que a levara de alí, que aquela non era vida para a nena, que o pasaba mal cando el marchaba e que claro, tiñan que casar ou Antón perdería o forno onde cocía o seu pan. O home pensou que a rapaza pagaba a pena, casou con ela e tróuxoa para España.

Pasaron uns anos moi bos, ela ao cambiar de réxime de comidas fíxose máis muller, eran a envexa de todos, de el pola femia que levaba do brazo e dela polo corpo que botara. Pero dura pouco a ledicia na casa do pobre, a empresa cambioulle o traballo, xa non precisaban que gardara aquel centro porque a electrónica encargábase diso, permitíanlles seguir vivindo alí, pero el tivo que viaxar de novo, non botaba toda a semana fóra, pero chegaba moi tarde de traballar e cando tiñan unha avaría, tiña que desprazarse para tentar de amañala fora o día que fora e a calquera hora, ela aburríase. Algún espabilado deuse conta de que a pomba estaba abandonada e comezou a facerlle as veiras.

Por outra banda os plans do goberno para ampliar e mellorar o camiño de ferro, obrigaban a tirar a vivenda que usaban e a empresa advertida de tal circunstancia, deulles un prazo para abandonala. Antón pediu axuda económica á empresa, que lla concedeu sen problema e hipotecouse cun banco para mercar unha nova noutra cidade.

Ao cabo de pouco tempo a morena díxolle ao seu home, que se aburría e pasaba medo cando quedaba soia e como a súa mai quedara viúva, íalle mandar cartos para que viñera a vivir canda eles, Antón aceptou, calquera cousa por ter a súa rula contenta.

Ah, pero un día que volvía do traballo e as mulleres aínda estaban espertas, nada máis entrar na vivenda, saíronlle ao encontro ensinándolle un mandamento xudicial, que o obrigaba a manter unha considerable distancia da súa dona, entón se enterou de que fora denunciado por malos tratos, déronlle as súas cousas e botárono fóra ameazándoo con chamar á policía, de nada serviu que pedira explicacións, as dúas mulleres estaban de acordo e dispostas a cumprir a ameaza.
Antón vive agora nun cuarto de aluguer con dereito a cociña, está a espera de que lle saia o xuízo por malos tratos. Ten que botar contas, presentindo que logo terá que pasarlle cartos á mulata e que terá que seguir pagando a hipoteca da vivenda, sumando o que lle paga á primeira muller, máis o costo da habitación. Pensa que está a volverse tolo.

Lembrou que de pequeno, a súa mai poñíalle á Virxe unhas candeíñas de aceite, pareceulle unha boa medida para aforrar cartos en luz. Filtrou dúas veces o aceite de fritir o peixe e puxo varias polo cuarto, dándolle un aspecto lúgubre de luz e sombras.
Acaba de chegar de beber viño da taberna e sentado no chan, conta os cartos que quedarán para comer, beber e tabaco. As contas non saen e mira cara ao coitelo que está pousado sobre a mesa, mentres as candeíñas van consumindo o aceite, a súa luz esmorecida vaise apagando, a penumbra apodérase do antro.

Datos personales