23 sept 2008

Un iogur aboiado



Erguinme perezosamente, lentamente. O espertador parecíame que soara xa había moito tempo, pero non tiña que ir a ningures. Non tiña fame, nin apetecíame almorzar nada, visitei a neveira, tiña a gorxa e a boca resecas, quizais algo fresco me fora ben (pensei) soio quedaba un iogur de froitas. Na primeira cullerada pareceume que tiña un sabor raro, estaba frío, e como cando un se ergue de mañá, ten sabor de boca coma reseso, seguro que é pola miña sequidade, (dixen pra min) e tomeino todo.

A noite anterior andivera de carallada con uns amigos, paseime coas cervexas e o tabaco, e tiven que ir evacuar líquido varias veces, e agora tiña sono, entón deiteime de novo.

¡Que maliño estaba! aquelo era un forno ou unha sauna, suábanme ate as orellas. Do envase do iogur saían uns bichos que ían facéndose mais grandes, eu nunca vira nada semellante, puxéronse en riba da mesa o pe do bote, e de súpeto votáronse a por min. Eu amedrentado, quíxenme tapar coas sabas, pero deberon de furalas porque tíñaos por todas partes, picábanme no corpo enteiro, non respectaban nada, pensei que me comerían. Un púxose perto de un ollo e puiden ver as mandíbulas, parecían as de un alicate ¡e os dentes! ¡mamaiña! eran coma os das pirañas, dábame por morto e convertido en “detritus de iogurtus”
Cando pareceume sentir o meu nome, alguén que estaba lexos chamábame, eu quixen contestarlle, máis aqueles asquerosos bichos non me deixaban, tíñanme pechados os belfos, e querían que cerrase os ollos, sentín a chamada máis alta, máis perto de min, busquei forzas pra tirar da saba, ¡raios, como pesaban aqueles bichos! por fin, axudado desde fora por miña mai conseguín destaparme.

Debeume ver moi mal porque polo visto, chamou unha ambulancia que me levou a urxencias, eu non me decatei porque os bichos aqueles pecharanme os ollos.

Cando espertei estaba nunha cama do hospital. Contei o que me pasara e atendéronme de seguido. Metéronme unha goma pola boca e libráronme o estómago, ¡paseinas canutas! ao pasares a goma pola gorxa dábanme arcadas e a goma volvía pra tras. Entón veu un médico e díxome que tiña que axudalos, se non teríanme que durmir. Contoume que tiña que pensar como facía un traga-sables, que se il fixera coma min cortaríase a gorxa toda, e non era así, polo tanto se il o facía, eu tamén poría, que tiña que relaxarme, colocar a cabeza pra tras e todo sería mais fácil. Dito e feito. Mentres, unha enfermeira votábame unha pomada e estendíama por todo o corpo.

Pronto entendín porqué me atenderan tan rápido, escoitei a unhas mulleres de bata branca, como falaban dun home que estaba moi maliño por comer un iogur en mal estado ou envelenado, que lle ían poñer un antiestamínico e que dos nenos que tamén estaban intoxicados, un xa morrera e os outros estaban graves.

Puxéranme unha bolsa con suero pra lavarme o estómago (según me dixeron) e por unha agulla que tiña cravada na man, metéronme o antiestamínico. De vez en cando viña unha enfermeira a poñerme pomada nas ronchas, que cada vez picábanme menos, así pasei aquel día e a noite, ¡con unha fame de medo!

A mañá seguinte veume a ver o médico e explicoume que tiveran uns nenos dun colexio intoxicados por comer iogures envelenados, que nun defecto de fabricación mezcláranse con un produto de limpeza, e como aparecín eu cos mesmos síntomas pensaron que viña do mesmo sitio, viron co meu caso era máis sinxelo e comprenderon a confusión, agora máis tranquilos e co estómago xa limpo, me darían a alta e poría marchar pra casa, que as ronchas e os picores irían remitindo e que lera as datas de caducidade dos productos antes de comelos.

¡Como cambia o mundo!



Xenaro estaba sentado enriba dunha pedra coas mans nas queixadas, no que noutro tempo fora a “eira”. Recordaba os tempos pasados, erguíase de vez en cando e falaba só.

- Estas lousas pisadas ao longo dos anos por sabe Deus canta xente, nalgún intre ateigadas de homes mallando e mulleres peneirando o grao.

Xirou a cabeza, mirou ao lado do balado e continuou a súa leria.

- E esa figueira hoxe cargada de figos, cando era rapaz subía con meus irmáns e non deixabamos nin a proba, claro, agora todo o mundo merca a froita no “super” ou no “hiper” porque as pezas son máis grandes e máis bonitiñas.

O home volveu á posición inicial, coa ollada nas lousas.

- E meus pais e Aurorita, que axiña se foron, os vellos xa eran moito, pero miña irmá inda era moi nova.

Unhas bágoas escorregáronse sen o seu permiso polas meixelas, nun intre, xirou a cabeza para ver se alguén o vira e limpouse a escape. Os pais morreran xa había quince anos, primeiro fórase a mai e ao ano seguinte finou o pai. A irmá xa non era moza cando deixou a casa, Xenaro discutira moito con ela tratando de convencela para que quedara, aquel home non lle gustaba nada, pero ela estaba chochiña por él. Anos mais tarde, o seu cuñado matouna baténdolle cun fungueiro do carro.

Despois de secar os ollos, barruntou que había algo que non cadraba, recordou que o cura dixera, que os corpos eran po, terra, e tiñan que volver á terra.

- O cemiterio está cheo de furados e xa se levan enterrados moitos corpos, pero non se enchen, habemos ter un po moi fino. E eu son o seguinte, menos mal que din que isto non vai pola toca senón pola leva.

Volveu a agachar a cachola e seguiu.

- O resto dos irmáns han de estar ben onde están ¡cando que non se sabe nada de eles!

Foran oito irmáns, todos homes menos Aurorita, os seis marcharon uns cos outros, primeiro os dous mais vellos cara Alemania, a traballar na construción, como lles ia ben chamaron aos outros, incluso a irmá e a Xenaro, ela non quixo deixar a casa e el era moi cativo. Mentres viviron os pais, escribían con certa regularidade e viñan de vacacións. Ate houbo algunha vez que trataron de levalos a todos para alá, pero os vellos tíñanlle moito apego a terra. Despois que finaron os pais, nunca mais volveron, nin sequera aos casorios de Xenaro primeiro e logo ao da irmá. Trataron de localizalos por alá, na dirección que viña no remite das cartas, pero todo foi inútil coma se os tragara a terra, nunca mais se soubo deles.

Ergueuse de novo sacudíndose a roupa e mirándose o corpo dixo.

- ¡Canto leva traballado este corpiño! Aos quince fun axudar ao papá ao serradoiro, pero non me gustou, sempre cheo de serraduras, gustábame traballar a madeira doutro xeito. Marchei con Sito o zoqueiro, logo aprendín, e ía polas casas facendo zocas, aburrinme de facer sempre o mesmo. Fun con Paulino o ebanista, aquilo era o meu, facía os cabezais das camas con moitos adornos, todos labrados a man. O Paulino deixábame un debuxo e eu calcábao na madeira e traballábao coa trencha e a gubia. Era un traballo bonito e ben pago, pero o bo dura pouco. Uns anos despois cambiou a madeira por aglomerado, xa non se traballaba con debuxos nin adornos e as fábricas facían máis mobles que nós, Paulino acabou por pechar.

Entón como ninguén recollía as castañas, pedinllas aos donos. Facíanme preguntas de para que as quería, si eran para os porcos ou que ía facer con elas, nunca lles contei nada ate que tiven cartos dabondo para mercar fincas con castiñeiros.

Un Nadal que viñeran meus irmás, (inda vivía papá) contáranme que os franceses as convertían en “Marrón Glasé” (seica as cocen con moito azucra) Como eu escribíame con Avelino o de Cervantes, que estudou comigo e está en Lión, díxenlle de ir a medias no negocio, eu llas mandaba e el vendíaas alí. El alegrouse moito da idea e puxemos mans a obra. De noite levábaas en sacos na egua da casa a cidade, as facturaba na estación do tren e alá as recollía Avelino, que vendíaas como podía, isto ao primeiro. Hoxe van en camións, xa todos saben para que son e véndenmas a min, os franceses páganas ben porque son moi boas. Por certo, teño que ir a casa porque mandáronme uns sacos delas de Chantada que din que son boísimas e teño que probalas primeiro, como Balbina non está terei que cociñalas eu.

------------------------------------------------------------------------------------------------
Balbina, a muller de Xenaro estaba na casa de seus pais. A súa mai morrera a semana pasada e tiña que arregar os papeis da herdanza cos irmáns, na casa non se vía a televisión en sinal de loito, pero como lle gustaba estar ao día das noticias, tiña a radio prendida e cando o locutor di
“ Noticias locais, hoxe o mediodía morreu Xenaro Xiraldez o Depredador das Castañas” - a muller sentiu coma unha lostregada, premeu o transmisor a orella e escoitou.
“Parece ser que o Xenaro estaba na súa casa comendo castañas, cando unha lle escorregou pola gorxa do ar, inda tivo tempo de chegar a casa do veciño que o atopou na porta tirado e sen alento. Chamaron unha ambulancia pero xa chegou ao hospital morto”.

Balbina colleu un taxi que a levou ao hospital, onde lle informaron da morte do seu home, aconsellándolle que o levara a un tanatorio para velalo antes do enterro. Así o fixo, puxérono nunha sala con uns cortinóns que podían tapalo se querían, ela sentou de fronte chorando, ergueu a cabeza para mirarlle a cara e de repente, pareceulle que lle chuscara un ollo, deben ser os nervios, se dixo, fixouse ben, e …¡estaba vivo! Púxose unha man na boca para non berrar e acercouse a el. Xenaro faloulle en voz baixa.

- Tápame un pouco por si entra alguén, non sei ben que pasou debín afogar con unha castaña, porque a teño na boca – enseoulla a Balbina – acabo de espertar, pero escoita con atención, ímonos aproveitar disto – ela interrompeuno.

- ¡Ai Xesús María! Xenaro érguete que imos dicirllo a todos.

- Cala muller e fai o que che digo. Fai uns meses, fixen un seguro de vida, si morro danche trescentos millóns. Vai a casa e colle unha barrena e a achuela grande que está enriba da mesa do garaxe, envólveos en algo, que non chos vexan e métesmos na caixa, pola noite saio, vou para casa e imos recorrer mundo con eses cartos.

- ¡Ai Xenaro que nos imos perder con este mal paso! ¡Que isto está mal! Vanos pillar, teremos que devolver todos os cartos e ir parar ao cárcere.

- ¡Que mal paso nin que centellas! Ai que aproveitar o momento ¡fai o que che dixen e volve de contado antes de que veña a xente!

Foise Balbina a facer o encargo, recolleu a barrena e o desaparafusador grande, envolveunos nun pano branco, para que non se notara no sudario, meteu o paquete debaixo da chaqueta e marchou ao tanatorio. Cando chegou había tres persoas dunha familia, puxo cara de “fondo pesar” e logo de escoitar o pesame daquela xente, escusouse por non estar presente e dixolles.
- Voulle dar un bico e arreglalo, que non o vexo ben.

Chorando acercouse ao feretro tapandoo co seu corpo da vista dos demais, meteulle o paquete entre a roupa mentres o bicaba na fronte e berraba.

- ¡Ai meu homiño, co novo que inda era! ¡tiña toda a vida por diante e mira!

Volveuno a bicar mentres Xenaro dicialle.
- Moi ben Balbina, á noite verémonos na casa e devólvoche o cariño, aínda que me estou aburrindo e non sei se non quedarei dormido.

- ¡Por Deus Xenaro, se te durmes empezarás a roncar e acabarase o teu invento!

Volveu chorar coma se lle estiveran petando unha malleira, nese intre, chegaba o Avelino ca súa dona, collerona dos brazos e fixeron que se sentara cando a eles. Foron chegando parroquianos que dabanlle o pesame, ela fixo o paripé como puido e aguantou o tipo. Chegou a hora, cerraron a caixa e fóronse todos ao cemiterio, o cura fíxolle un funeral de “corpore in sepulto” e metérono no nicho. Mentres o enterrador cerraba con cuñas a tapa e a lápida, Balbina choraba e berraba polo seu home, ate cos amigos sacárona collida polos brazos e a cintura, dicianlle que tiña que ser forte, que a vida segue e que alí estaban eles para o que lle fixese falta, Avelino dixolle que arreglara os papeis e despois se fora a Francia con eles, dixolle que si, que pasados uns días xa falaría con él e se foi para casa ca escusa de que quería estar soa.
Estivo toda a noite deitada esperta, agardando a chegada de Xenaro, que non aparecía, ela pensaba ¿e si tiña alguén por aí (unha amante) e marchou cara outro sitio? comiscou galletas, fumou un pitillo e bebía auga cada pouco sen ter sede, non podía con aquela ansiedade. Ao mencer preocupada polo incumplimento do pacto por parte do seu home, se chegou ao campo santo e foise a ver o nicho. Todo estaba como o deixara o enterrador o día anterior, quedouse un intre mirando e logo dixo.

- Quen cho ia dicir Balbina aos teus cuarenta anos volves ser solteira, sen fillos, sen nadie a quen coidar e con tres centos millóns, ti queda ahí Xenaro que eu coma ti dixeches vou ver mundo.
----------------------------------------------------------------------------
Resumen do que aconteceu despois

Balbina cobrou os cartos do seguro e marchou a Francia onde lle vendeu á Avelino á súa parte do negocio das castañas. Despois desapareceu polos camiños do mundo.
O cabo duns meses (oito ou dez) morreu en Alemania un dos irmáns de Xenaro, que quixo que o enterraran no panteón familiar, cando abriron o nicho os restos de Xenaro caeron ao chan, alí apareceu a barrena e o desparafusador, entón fixaronse na tapa, tiña marcas coma se alguén tentara de abrila desde dentro, quixeron falar con Balbina a ver se lles contaba algo. Pero, ela non apareceu.

Datos personales