13 sept 2008

Un Galo heroe



Nestes días matáronme ó galo, tivo que ser unha fera traidora, porque o meu galo era valente.

A xente dicía que era malo, non o era, non señor, él defendía o seu, ti tentabas de entrar ao galiñeiro e alí de fronte xa estaba el e coma fixeses intención de seguir, atacábate, tirábase coma un bólido cos espolós por diante e mancábate.

Por iso penso que foi un animal grande, un zorro, un porco teixo, que sei eu. Pero él fíxolle fronte, seguro, porque non faltou ninguén máis e iso foi polo traballo que lle deu a alimaña, porque ó galo non tiña moitas carnes, eso si, era todo fibra, forte, e con unha mala ostia...

Facía tempo que non o sentía cantar. O canto matinal volverase como afiminado, coma un gorgoriño débil, e mosqueoume, pareceume raro e fun ver que pasaba. Xa vin ao pe da porta sangue espaiada e varias fermosas plumas tamén ciscadas, pronto comprendín a crime, a falta do canto macho, aquel “Kikirikí” forte, profundo e repetido tantas veces coma galiñas había. Sentíase ao longo do val.

Durmía con un ollo aberto e outro pechado, ao menor ruído xa estaba en pe.

Ca primeiriña raiola do sol, erguíase e saía o primeiro, poñíase no alto dun cepo e comezaba o seu ritual, primeiro canto, primeiro quiqui, a galiña era ben recibida cortexada e pisada, marchaba ela toda crecha por ser a primeira e xa o xefe berraba pola segunda desde o alto do madeiro, segundo canto, segundo quiqui, o mesmo conto que na primeira e cando aquela marchaba arregando as plumas, xa estaba preparado para o terceiro, e así ata dezasete, que eran as galiñas que había, logo votaba outro para avisar a un polo que tiña de aprendiz do oficio, para que baixara e se puxera ao choio, e este era o que cantaba agora, pro tiña aínda moito que aprender.

Había de votar moi a faltar ao mestre, pois as galiñas non lle tiñan ningún respecto, aquela que sempre era a primeira non se deixaba pisar, algunha deixábao máis por necesidade que por outra cousa e a maioría picábano todo ata que conseguía fuxir, ¿é as mais vellas? esas eran as peores, eran as donas do galiñeiro, dicían quen comía e quen non e a que se revolvera picotazo ía, picotazo viña.

Seguramente ademais do polo algunha galiña tamén votaría en falta ao xefe. Só ca súa presenza xa se calmaban todos, cada un comía o seu, e traballaba polo seu lado, ninguén protestaba nin se revolvía xamais.

Deste xeito, terei que mercar outro galo pelellón.

Datos personales