19 may 2014

Unha anécdota familiar




Na aldea da familia do meu pai, teñen o costume de dicir “ai o!” ou “vaite o!” “que tes o?” “que fas o?” ou sexa, que meten o “o” cando se dirixen á persoa que teñen de fronte.
Pois contoume meu pai que sendo el moi novo, (seica aínda estaba solteiro) déronlle permiso na garda de asalto, onde prestaba servizo, para ir a casa de seus pais. 
Naquel tempo non había medios de locomoción, agás dun cabalo ou unha besta, para ir de Mondoñedo ao seu pobo e como nesa cidade non o esperaban, tivo que ir andando ata alá os quince quilómetros que separan un sitio doutro, de noite e cruzando polo monte. Por entón aqueles montes eran unha boa tobeira para os lobos, claro que eles estaban ao seu e non pendentes de ningún camiñante, que ademais non tiñan a educación nin a amabilidade de avisar que ían pasar por alí, tamén dicíase que ás veces aparecía algún atracador. Era moi coñecido que máis de un paisano, amenceu amarrado a unha silva, sen moverse en toda a noite e co calzón sucio por facerse de ventre.

Pois ben, coma dicía, meu pai botou a andar polo monte cara á súa casa e alá polo medio do monte sentiu unha voz que lle berraba .- OI O! de primeiras non fixo caso, pero uns pasos máis adiante volveu a oír .- OI O! entón preguntou quen berraba e a voz respondeu .- OI O! daquela avisou que ía armado e botaría man da súa arma se non o deixaban continuar o seu camiño, pero uns metros cara á casa e ao pe dun carballo, volveu sentir aquela voz máis preto, colleu a STAR do nove largo que levaba na súa funda e largoulle un par de tiros na dirección que sentira a chamada, cruzou aquel bosque e entrou noutro. Pareceulle que o que berraba collera medo e xa calara, pero non, alá polo medio das árbores volvérono chamar .- OI O! a pistola non volvera a funda, así de que apuntou e tirou outras dúas balas (seica a lúa estaba chea e víase moi ben o camiño, pero só o camiño), porque do berrón non había nin rastro e un pouco máis adiante chamou de novo .- OI O! o meu vello cada vez máis cabreado e medroso, volveu a facer tronar a súa arma, así nas seguintes árbores o mesmo, ata que xa se acabaron os bosques e viu mellor e despexado o camiño da casa. 
O primeiro que fixo despois de saudar e bicar a familia, foi mirar a pistola, tiña o cargador baleiro.

Tardou anos en saber que esa voz que el oíra era a forma de oulear que teñen os mouchos.

Datos personales